Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

A AGPTI escolleu a súa nova xunta directiva, presidida por Iria Taibo

A AGPTI escolleu a súa nova xunta directiva, presidida por Iria Taibo

O pasado sábado tiveron lugar as asembleas ordinaria e extraordinaria da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Nesta asemblea, ademais da renovación da xunta directiva, aprobáronse os relatorios de actividades e económico de 2017 e as propostas de traballo para 2018.

 

A nova xunta directiva da AGPTI, ratificada por unanimidade pola asemblea, está encabezada por Iria Taibo, que até agora se fixera cargo da vicepresidencia e da vogalía de comunicación da asociación; estas dúas responsabilidades asúmeas Gabriel Álvarez, que se incorpora deste xeito á xunta directiva, mentres que a secretaría será asumida por Iria Castro, até agora tesoureira. A tesouraría será asumida pola anterior presidenta, Ana Hermida. Repite tamén directiva Jessica Gregori, que se encarga de procurar convenios e outros servizos para os socios e as socias, e incorpóranse Rossana Couto, como vogal de formación, e Lara Santos como vogal de interpretación. A AGPTI entende a formación como xeito de mellorar a situación da profesión e das/os profesionais, e a interpretación é un sector que se atopa nunha situación moi complicada debido ao empeoramento das condicións de traballo nos últimos anos, polo que se acordou fixar estas dúas vogalías.

 

Ademais de continuar a liña de traballo actual, tanto no ámbito interno (formación e asesoramento), como no da liña de divulgación sobre a profesión e as nosas reivindicacións, a xunta directiva da asociación tamén procurará establecer e fortalecer vías de colaboración coas universidades da Coruña, Santiago e Vigo (nomeadamente esta última, pois é a única galega na que se oferta o Grao de Tradución e Interpretación) e con outras entidades. Un dos obxectivos principais da asociación para estes anos é chegar ás persoas que estudan os últimos anos deste grao e a quen dá os seus primeiros pasos na profesión, para que poidan ter información sobre condicións de traballo, recursos, formación complementaria, etc. e obter asesoramento e apoio da propia asociación.

 

Outro dos obxectivos que aprobou a asemblea é a creación dun premio a persoas ou entidades que aposten pola tradución ou interpretación ao galego e participar na celebración do Día das Letras Galegas, lembrando a faceta de María Victoria Moreno como tradutora. A asemblea tamén acordou procurar unha maior implicación de todas as socias e socios da entidade e elaborar novos materiais informativos sobre a asociación, destacando a importancia para a profesión do traballo colectivo.