Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

A AGPTI realizou a súa asemblea anual a pasada fin de semana

Gardado en Asociación

As socias da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) escolleron unha directiva de continuidade, coa presidencia de Patricia Buxán, e decidiron a liña de actividades para os próximos meses, co obxectivo de daren a coñecer a profesión e de contribuíren a unhas mellores condicións de traballo no sector.

 

O pasado venres 11 de xullo, a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) realizou as súas asembleas ordinaria e extraordinaria no Centro Social A Trisca, de Santiago de Compostela. Neste proceso, os socios e socias escolleron a súa xunta directiva, na que se mantén Patricia Buxán como presidenta e á que se incorporan novas persoas, e hai unha reorganización das vogalías e grupos de traballo. Na nova xunta directiva, ademais da presidenta, estarán presentes Ruth Layús (vicepresidenta), José-Luis Morais (secretario), Raquel González (tesoureira), Belén Carneiro e Cristina Sexto (vogalía de actividades), Iria Taibo (vogal de comunicación) e María Ferreiro (vogal de redes).

 

A directiva saínte presentou o seu relatorio de actividades do 2013-2014, entre as que destacan as X Xornadas Científicas e Profesionais de Tradución Médica organizadas en colaboración con Tremédica en Vigo, mais tamén outros cursos e xornadas, a celebración do Día da Tradución na Coruña cun coloquio sobre as letras e as ciencias, con participación de Maya Busqué e Xurxo Mariño, ou a presenza da AGPTI no Culturgal. En canto á liña de actividades para os próximos meses, AGPTI seguirá apostando polas grandes liñas de traballo dos últimos tempos, entre as que destacan as reivindicacións relacionadas co servizo de tradución e interpretación no ámbito da xustiza e diversas actividades de divulgación sobre a actividade profesional de tradutores e intérpretes e de apoio a asociados e asociadas, así como a formación. A asemblea serviu tamén para comezar a perfilar os actos de celebración do Día da Tradución deste ano, o 30 de setembro.

 

A xornada de traballo que tivo lugar o pasado venres 11 de xullo serviu tamén para a presentación entre socios e socias dunha guía para iniciarse na profesión elaborada por un equipo de traballo durante o pasado ano. A guía está pensada para estudantes e titulados recentes, mais tamén para persoas que por outros motivos dan agora os seus primeiros pasos na tradución ou interpretación, e inclúe reflexións de profesionais con experiencia co obxectivo de dar a coñecer as principais dificultades que todos eles foron confrontando nos seus inicios. Algunhas das ideas e consellos que se dan na guía son o de crear redes de colaboración con outros colegas e reflexionar dun xeito serio sobre a cuestión das tarifas, unha das máis complicadas nos inicios de calquera profesional por conta propia.

 

A AGPTI, que na actualidade conta con 116 membros, é unha asociación fundada en 2001 co obxectivo de crear unha plataforma de comunicación entre os profesionais para a defensa do colectivo de traballadores e traballadoras da tradución e a interpretación, ademais da difusión da lingua galega como lingua de traballo neste sector.