Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

A AGPTI estivo no Culturgal 2011

Gardado en Actividades
A AGPTI estivo no Culturgal 2011

Os días 2, 3 e 4 de decembro celebrouse en Pontevedra o Culturgal, a Feira das industrias culturais de Galicia. A AGPTI estivo alí para dar información e facer todo o posible por dar visibilidade á nosa profesión e aos/ás nosos/as profesionais. Celebramos ademais unha animada mesa redonda sobre a situación actual do sector da tradución e da interpretación, coa participación de Javier Sancho Durán, tradutor autónomo e vicepresidente de Asetrad (Asociación Española de Traductores, Correctores e Intérpretes); Andrea Gutiérrez Pérez, tradutora e xerente da empresa de tradución AGP Traducciones e Larisa Santos Suárez, presidenta da AGPTI.

O sábado e mais o domingo organizamos uns cafés-faladoiro: o sábado saboreamos un «Café de boa tinta», con Fernando Moreiras, tradutor, entre outros, de Indignádevos, e Ruth Layús, tradutora, entre outros, de Guía do autoestopista galáctico, onde nos contaron a súa experiencia de tradución destas obras, e falamos sobre a tradución literaria, software para tradutores e moito máis.... O domingo pola mañá tomamos un «Café simultáneo», coas intérpretes de conferencias Laura Sáez e Lara Domínguez, e pola tarde, tivemos un «Coffee and translation» con María Alonso Seisdedos, tradutora, entre outras, da serie A tropa de trapo, e Ana Fernández, tradutora, entre outras, da serie Dawson's Creek, coas que charlamos sobre o panorama da tradución audiovisual en Galicia e da súa experiencia neste eido.

Ademais, todos os días da feira desenvolvemos un miniconcurso de tradución: «Lost in Translation», e aos gañadores envióuselles unha camiseta da AGPTI.

Moitas grazas a todos/as os/as que colaborastes e asististes!!