Dado o número insuficiente de matriculados por dificultades de datas para as persoas que en abril manifestaran o seu interese neste curso, anúlase a convocatoria para xuño deste ano.
Lanzarase unha nova convocatoria en outubro.
Ao final desta nova, pode consultarse o programa previsto.
Queremos agradecerlles ás nosas socias Ana Hermida e Ángela Sola o seu traballo.
CURSO DE TRADUCIÓN ESPECIALIZADA PT>ES: TURISMO. XURÍDICO-FINANCEIRA
Profesoras: Ana Hermida Ruibal e Ángela Sola Bravo
Ana Hermida Ruibal é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Traduce profesionalmente desde 1998 do portugués, español e galego ao español e galego. Viviu na zona de Lisboa durante máis dunha década. Cando as circunstancias o permiten, compaxina a actividade de tradutora coa docencia universitaria (tradución do portugués e lingua portuguesa), tanto en España coma en Portugal. No sector turístico, durante todos estes anos ten traballado para diversas institucións públicas relacionadas co turismo, hoteis, paradores e restaurantes portugueses. Administra a rolda Ibérica, dedicada á tradución portugués <> español, e modera Tradgal, que se centra na tradución do/ao galego. Actualmente, estase doutorando en Tradución e Paratradución na Universidade de Vigo.
Ángela Sola Bravo é licenciada en Tradución e Interpretación (1ª promoción) pola Universidade de Vigo, con linguas A español e galego e linguas B inglés e portugués. Desde a súa licenciatura exerce como Tradutora e Intérprete autónoma. En decembro de 1999 é nomeada TI-J de PT-ES e en febreiro de 2003, TI-X de EN-GL. Entre xuño de 2001 e xullo de 2004 foi tradutora externa do Servizo de Tradución da Comisión Europea. Ten traballado para diversos organismos nacionais e internacionais, como a UE, o Ministerio de Cultura, o Instituto Nacional de Estatística, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, o Instituto Xeográfico Nacional, ou mesmo o FC Barcelona. Posúe ampla experiencia na tradución xurídica e económica grazas á súa principal faceta de actividade, a tradución e interpretación xuradas. Forma parte do equipo de tradutores voluntarios de Intermon Oxfam e xestiona as redes sociais do proxecto sen ánimo de lucro listajurados.es.
PROGRAMA
Sesión 1
Ámbito do turismo: Ana Hermida Ruibal
Por razóns de mercado e experiencia propia, centrarémonos unicamente no portugués de Portugal.
1. A tradución no sector turístico
1.1. Características da linguaxe e a terminoloxía dos textos turísticos
1.2. Recursos terminolóxicos oficiais
2. A tradución no sector hoteleiro
2.1. O que cómpre traducir e o que cómpre manter no orixinal
2.2. Terminoloxía. Establecementos hoteleiros en Portugal e as súas posibles equivalencias en España
3. A tradución no sector gastronómico: cartas de restaurante
3.1. A tradución dos elementos culturais presentes nos textos gastronómicos
3.2. Finalidade e función dos textos gastronómicos
3.3. Análise crítica de textos gastronómicos traducidos
3.4. Prácticas de tradución de textos gastronómicos
Sesión 2:
Ámbito xurídico e financeiro: Ángela Sola Bravo
1. Introdución
1.1 Definicións
1.2 Ordenamentos xurídicos comparados
1.2.1 As metrópoles e as colonias
1.2.2 Mesmos documentos, distintos países
1.2.3 Legalización de documentos
2. Tradución económica e financeira: Plan contable (PT/BR/ES)
3. Tradución xurídica: Comisión rogatoria (PT/BR/ES)