Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Asembleas ordinaria e extraordinaria de xullo de 2020

Gardado en Asociación Actualidade
Asembleas ordinaria e extraordinaria de xullo de 2020

Hoxe, día venres 31 de xullo de 2020, tiveron lugar as asembleas ordinaria e extraordinaria da AGPTI, que se realizaron por vía telemática, en vez de mediante reunión presencial, debido á presente situación derivada da crise da COVID-19. Nesta asemblea, ademais da renovación da xunta directiva, aprobáronse o relatorio de actividades e o balance económico de 2019 e a planificación e o orzamento para 2020.

Na nova xunta directiva da AGPTI, ratificada por unanimidade por dita asemblea, manteñen os seus cargos: Iria Taibo na presidencia, Gabriel Álvarez na vicepresidencia e na vogalía de comunicación, Lara Santos na vogalía de interpretación e Raquel Senra na vogalía de tradución literaria. A secretaría, asumida anteriormente por Iria Castro, pasa ás mans de Béatrice Pépin, mentres que a tesouraría, exercida antes por Jessica Gregori, é agora responsabilidade de Cristian Marcote. Así mesmo, Rossana Couto cede a vogalía de formación a Paloma Barrera. De agora en diante, a anterior secretaria, Iria Castro, e a socia Cecilia Recarey participarán tamén na xunta directiva en calidade de vogais sen cargo específico. O propósito desta nova formación é sumar múltiples voces que tomen un papel activo na toma de decisións.


A xunta directiva da AGPTI ten o obxectivo de continuar cos esforzos dos anos anteriores e afondar en novas iniciativas que melloren a situación das/os profesionais da tradución e da interpretación e, particularmente, das súas socias e socios, así como buscar unha maior implicación nos distintos proxectos.


A situación xerada pola crise do coronavirus vai obrigar a asociación a reformular moitas das actividades, e será necesario prestar atención a posíbeis situacións de dificultade de compañeiras e compañeiros, tentar colaborar como asociación e promover a colaboración entre socias e socios.


A directiva agarda que durante este ano se poida lanzar unha nova páxina web. Ademais, estase a traballar tanto na organización do encontro anual da Rede Vértice, coincidindo co décimo aniversario da súa creación, como nunha serie de obxectivos que teñen por fin a mellora da situación no sector da tradución xurada.

Por outra banda, continuarase a establecer e fortalecer vías de colaboración coas tres universidades públicas galegas e con outras entidades.