Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Comunicado da AGPTI a raíz da crise do coronavirus en Galicia

Gardado en Asociación Actualidade
Comunicado da AGPTI a raíz da crise do coronavirus en Galicia

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DA TRADUCIÓN E DA INTERPRETACIÓN (AGPTI) A RAÍZ DA CRISE DO CORONAVIRUS EN GALICIA

 

A AGPTI quere trasladar á sociedade a súa solidariedade nestes momentos nos que todos os esforzos por deter o avance do coronavirus son necesarios e imprescindibles. Cómpre non só traballar no presente, senón tamén garantir que as repercusións desta pandemia non se prolonguen no tempo nin teñan como resultado un empobrecemento significativo do groso da poboación.


Ademais de apoiar o traballo de todas as persoas que nestes días garanten a nosa saúde, a AGPTI quere incidir tamén na necesidade de dar amparo e cobertura a todas aquelas profesionais que se están a ver afectadas de xeito moi directo pola epidemia e que, polo de agora, semellan quedar fóra das iniciativas que o goberno español foi anunciando en canto a apoio económico.


De forma significada, as intérpretes integradas na nosa asociación representan un colectivo que vai sufrir de xeito moi forte o impacto económico, dado que a cancelación de encontros internacionais pode durar ben máis que a situación de alerta e emerxencia na que estamos inmersas, sobre todo tendo en conta que as cancelacións de eventos xa se iniciaron  antes de o goberno decretar medidas concretas e que van afectando de xeito paulatino cada vez a máis países. A maioría de profesionais da interpretación no noso país traballan como autónomas e están nestes momentos en situación de ingresos cero sen unha fin á vista. As intérpretes son un colectivo especialmente vulnerable porque a recuperación dos sectores económicos nos que traballan se prevé especialmente lenta.


O sector da tradución e da corrección tamén se está a ver xa seriamente afectado por esta crise, igual que outros colectivos de autónomos e autónomas, xa que os nosos servizos non son considerados esenciais e, ante o medo pola inestabilidade económica e a falta de previsión neste sentido, a meirande parte das empresas está a reducir este tipo de gastos. Polo tanto, é previsíbel que o noso sector sufra importantes cambios nos próximos tempos, coa preocupación de poder ou non acollerse ás axudas por ceses e redución de actividade.


Por este motivo, queremos dar visibilidade a esta situación, en primeiro lugar, para animar a toda a cidadanía a que, igual ca nós, FIQUE NA CASA neste momento e axude así a rebaixar o pico da crise e contribuír a que a súa duración sexa máis breve para todas. E, en segundo lugar, para que os poderes públicos tomen as medidas necesarias para evitar que se cree unha bolsa de pobreza entre profesionais que axudan a que Galicia estea presente a nivel internacional, a que as nosas empresas, sistema médico e investigador, social e cultural poidan establecer relacións cos doutras comunidades lingüísticas.
Neste sentido reclamamos unha intervención da Xunta de Galicia e de todos os poderes públicos competentes para garantir:

 

 

  • Que o colectivo de intérpretes sexa incluído de forma explícita en calquera medida de apoio a sectores damnificados, indicando como se acreditará a condición de intérprete, xa que esta profesión carece de epígrafe propia no rexistro de actividades económicas.

 

  • Que se consideren os danos para profesionais da interpretación, tradución e corrección, non só os inmediatos durante o período de peche por situación de alarma sanitaria, senón tamén a perda de ingresos posterior.

 

  • Que se garanta unha reactivación dos congresos e encontros de todo tipo con investimentos específicos neste tipo de actividade dentro da Comunidade Autónoma de Galicia que aseguren a creación de oportunidades laborais para intérpretes de e cara ao galego en todos os eventos realizados no noso territorio ou con representación galega no exterior.