Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Comunicado de desconformidade da AGPTI sobre a interpretación no programa «A revista» da TVG do día 9 de maio

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) quere amosar a súa sorpresa, desconformidade e rexeitamento ante unha cuestionable práctica observada na televisión pública galega, concretamente no programa A Revista do día 9 deste mes de maio de 2013, durante o cal foi entrevistado o músico Willie Nile con interpretación do inglés para o castelán das súas intervencións.

 

A AGPTI ignora se o ocorrido se debeu a que este músico acudise acompañado do seu propio intérprete. Porén, mesmo se así fose, a CRTVG —que, segundo se indica na Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía da Radio-Televisión de Galicia, ten «a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega»— non debería pasar por alto nin este feito legal, nin o respecto aos espectadores galegos, nin a existencia de profesionais formados especificamente para interpretar desde e cara á lingua do país, grazas, sobre todo, á carreira de Tradución e Interpretación que leva anos a se impartir na Universidade de Vigo. Recalcamos tamén a existencia da propia AGPTI como asociación sen ánimo de lucro que promove a tradución e a interpretación para o galego e que, sen ir máis lonxe, no seu sitio web (<www.agpti.org>) pon á disposición de todas as persoas interesadas un buscador de profesionais debidamente cualificados.

 

Por todo o devandito, a AGPTI solicítalle á CRTVG que estea á altura do que, como espectadores e por lei, cabe agardar dela e que se brinde a lle ofrecer a Galicia un servizo de calidade e en galego.