Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

A Xunta de Galicia pon en perigo o dereito de defensa

Vigo, 12 de marzo de 2014

 

A Asociación Profesional de Traductores e Intérpretes Judiciales y Jurados (APTIJ) , a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) e a Conferencia de Centros y Departamentos Universitarios de Traducción e Interpretación (CCDUTI) queremos manifestar publicamente, máis unha vez, a nosa preocupación polas condicións de adxudicación da licitación do servizo de interpretación e tradución para a Administración de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Estes colectivos vimos denunciando a falta de profesionalización que o sistema de licitación supuxo para a oferta dos servizos de tradución e interpretación nos xulgados de Galicia e do resto de España. O feito de que a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia demande este servizo de empresas, sen esixir ningún requisito relativo á calidade e capacidade dos profesionais da tradución e da interpretación, contravén o disposto na Directiva europea 2010/64/UE relativa ao dereito a interpretación e tradución nos procesos penais, de obrigada transposición e cumprimento para España desde o mes de outubro de 2013.

 

Da mesma maneira, o feito de que o criterio con maior peso na adxudicación sexa a oferta de prezo máis baixa fomenta que a remuneración dos e das profesionais da tradución e interpretación sexa consecuentemente moi inferior ás condicións normais do mercado. De feito, chámanos moito a atención que no curso do proceso de adxudicación fose preciso realizar un informe para xustificar a baixada anormal e desproporcionada de tarifas dunha das empresas licitadoras, que finalmente gañou o concurso.

 

Isto, ademais de constituír una distorsión das tarifas profesionais actuais, implica que en moitos casos se contraten persoas non cualificadas para levar a cabo este traballo, que precisa dunha sólida formación en tradución, interpretación, idiomas, dereito comparado e medicina forense, entre outros campos do saber, para garantir a profesionalidade e a calidade na prestación do servizo. Con isto apártase moitos e moitas profesionais —con formación e traxectoria recoñecidas no ámbito da tradución e a interpretación xurídica e xudicial— de traballaren na Administración de Xustiza galega; profesionais que en moitos casos recibiron a súa formación a través das universidades públicas e despois ven como a propia Administración lles nega o traballo en condicións dignas.

 

Entendemos que a Administración, neste caso a Xunta de Galicia, debe velar pola tutela das garantías fundamentais do dereito de defensa e a consecución dun xuízo xusto das persoas procesadas, en virtude da Directiva 2010/64/UE, e con ese fin debe dispor todos os medios técnicos, administrativos, económicos e humanos que sexan necesarios, non só limitarse a optar pola opción de menor custo económico. Isto, a longo prazo, pode ter consecuencias moi graves sobre a operatividade dos xulgados e, en consecuencia, sobre a impartición de xustiza á cidadanía.