Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Curso de introdución á interpretación cara ao galego

Gardado en Cursos Asociación Actividades
Curso de introdución á interpretación cara ao galego

A AGPTI ofrece un curso dirixido a persoas que traballen no ámbito da tradución e queiran iniciarse como intérpretes, mais que non se consideren suficientemente preparadas ou formadas para facelo. Trátase dunha introdución xeral a este sector, na que se tratarán aspectos prácticos e técnicos, mais tamén as diferentes posibilidades de formación para iniciarse neste sector.

O curso estará impartido por María Reimóndez, que é intérprete desde hai máis de 20 anos, ademais de ter experiencia como profesora universitaria de interpretación, e é unha das fundadoras do colectivo de intérpretes A[I]R. Tamén colaborarán outras profesionais en activo, co obxectivo de ofrecer unha visión completa do panorama actual do mercado galego e de orientar a quen se se queira iniciar neste ámbito. Constará de catro sesións:

● SESIÓN 1: Introdución á interpretación (venres, 19 de febreiro de 16:00 a 18:00)
Historia, contextos e tipos de interpretación, documentación para a interpretación.

● SESIÓN 2: A interpretación consecutiva (sábado, 20 de febreiro de 11:00 a 13:00)
Introdución á técnica de toma de notas, memoria para interpretación consecutiva, análise do discurso.

● SESIÓN 3: A interpretación simultánea (xoves, 25 de febreiro de 16:00 a 18:00)
Introdución ás técnicas de interpretación simultánea, memoria para interpretación simultánea, traballo en cabina (equipamentos).

● SESIÓN 4: Experiencias en interpretación (sábado, 27 de febreiro de 11:00 a 13:00)
Mesa de debate con profesionais do sector, que se deseñará en función da demanda e dos perfís das persoas asistentes ao curso.

Os encontros serán virtuais, a través da plataforma Zoom.

Preinscricións

As cotas de matrícula son 80 € para socios da AGPTI, 100 € para socios da Rede Vértice e 135 € para non socios. Dado que o curso ten un número de prazas limitado, darase preferencia ás socias e socios da AGPTI. Polo demais, a admisión realizarase por estrita orde de chegada das solicitudes de preinscrición, criterio que rexerá tamén no caso de que algunha das persoas preinscritas non formalice a matrícula no prazo estipulado e haxa que recorrer á lista de agarda, se a houbese.

A preinscrición pódese facer neste formulario até o día 12 de febreiro.