Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Curso: «Xbench, el salvavidas del traductor» - Ampliación de prazas para o sábado 27 de xuño

Gardado en Cursos Actividades
Curso: «Xbench, el salvavidas del traductor» - Ampliación de prazas para o sábado 27 de xuño

Dada a aceptación desta convocatoria, a AGPTI amplía as prazas para o CURSO «XBENCH, EL SALVAVIDAS DEL TRADUCTOR». Estas novas prazas ofértanse para asistir o sábado 27 de xuño de 2015. Información en castelán aquí.

Profesora: Rocío Serrano
Rocío Serrano é filóloga e exerceu de profesora de idiomas ata que a informática e a tradución se cruzaron no seu camiño. Tras varios cursos de especialización, algún posgrao e moito tesón, leva xa oito anos traballando como tradutora, revisora e correctora autónoma (aínda que segue dando clase de cando en vez). Especializada en tradución técnica e con algún libro publicado sobre estas cuestións, tamén fai incursións noutros campos, como a mercadotecnia, aínda que o que verdadeiramente lle gusta é coñecer o miolo das ferramentas TAO para sacarlles todo o partido posible.
A través do seu álter ego, Azote Ortográfico, flaxela sen piedade aos que ousan maltratar a lingua dende os medios de comunicación e as institucións. Tamén colabora na Cadena SER de Xaén, onde conta curiosidades lingüísticas.

Contido:
Xbench, unha aplicación deseñada pola empresa barcelonesa ApSIC, ofrece multitude de posibilidades para os tradutores: dende garantir a coherencia entre documentos dun mesmo proxecto ou as referencias proporcionadas polo cliente, ata crear memorias en TMX a partir dun bo número de formatos de arquivo bilingües.
Esas son só dúas das súas infinitas posibilidades. A súa interface de uso pouco atractiva adoita intimidar os usuarios; con este curso, aclararemos os aspectos máis prácticos do programa para sacarlle o máximo partido.

Presentación:
Sabes que hai montóns de erros, moitas veces debidos a despistes, que poderías evitar doadamente de forma automática? Sabes tamén que podes centralizar boa parte das túas buscas terminolóxicas, xa sexa os glosarios obrigatorios do cliente ou as túas referencias habituais? E que podes crear unha memoria compatible coa práctica totalidade de ferramentas TAO a partir de arquivos bilingües en diversos formatos? Existe unha aplicación capaz de facelo todo ela soa: Xbench, concibida para facilitar a vida aos tradutores.

Programa:
1. Introdución á ferramenta: que é Xbench e que pode facer por ti
2. Buscas (documentos, glosarios e memorias)
3. Consulta de obras en liña
4. Exportación de contidos
5. Control de calidade (QA)
a. Opcións de serie: como suple ou complementa as ferramentas TAO con QA integrado
b. Coherencia con referencias obrigatorias
c. Coherencia entre documentos
d. Creación de listas de comprobación personalizadas
e. Expresións regulares
6. Diferenzas entre a versión gratuíta (2.9) e a de pagamento (3.0)

Duración:
4 horas

Lingua:
Este curso impartirase en castelán.

Material necesario:
Será imprescindible que as persoas asistentes leven consigo ou dispoñan do seu propio ordenador con polo menos a versión gratuíta de Xbench instalada (2.9).

Número mínimo de asistentes: 10
Número máximo de asistentes: 20

Horario:
Sábado 27 de xuño de 9.30 a 13.30

Lugar de celebración
Facultade de Filoloxía - Universidade de Santiago de Compostela
Avda. Castelao s.n.
Campus Norte, C.P.15782
Santiago de Compostela
España

Preinscricións
Para preinscribirse neste curso é preciso encher o formulario que atoparedes aquí.

Prazo de preinscrición:
Finaliza o 15 de xuño

Cotas de matrícula:
Socios/as da AGPTI e alumnado e persoal docente e investigador da USC: 45 €
Socios/as da Red Vértice*:  55 €
Non-socios/as: 65 €
Pregámosvos que non fagades o pagamento ata que non se vos confirme que estades admitidos/as. A confirmación comunicarase por correo electrónico, tanto a admisión como os pasos que debedes dar para formalizar a matrícula.

Dado que o número de prazas é limitado, darase preferencia aos socios e socias da AGPTI e ao alumnado e persoal docente e investigador da Universidade de Santiago. A admisión farase por estrita orde de recepción das solicitudes, criterio que se aplicará tamén no caso de que algunha das persoas preinscritas non formalice a matrícula no prazo estipulado e sexa preciso recorrer á lista de espera.

*A Red Vértice está formada polas seguintes asociacións: AATI, ACEC, ACEtt, AGPTI, AIPTI, APTIC, APTIJ, ASATI, Asetrad, ATIJC, ATRAE, EIZIE, MET, Tremédica, UniCo e la Xarxa.

Esperamos que o curso sexa do voso interese.

Recibide un cordial saúdo,

Belén Carneiro e Cristina Sexto
Vogalía de actividades da AGPTI
actividades@agpti.org
www.agpti.org