Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Curso: «Iniciación á interpretación telefónica»

Gardado en Cursos

A AGPTI abre o prazo de preinscrición para o CURSO «INICIACIÓN Á INTERPRETACIÓN TELEFÓNICA», que será impartido por Magdalena Fernández e Sandra Jiménez entre o 27 (pola tarde) e o 28 de novembro (pola mañá) en Santiago de Compostela.

 

Imparten: Magdalena Fernández Pérez, Universidad de La Laguna, e Sandra Jiménez Higuera, Interpret Solutions, S.L.

 

Magdalena Fernández Pérez é intérprete nas modalidades simultánea (cabina), consecutiva e bilateral desde 2006. Desde ese mesmo ano ensina interpretación consecutiva e simultánea no Máster en Interpretación de Conferencias da Universidad de La Laguna. Entre 2008 e 2012 foi coordinadora académica do curso de posgrao Experto en Traducción e Interpretación en los Servicios Comunitarios (EUTISC), no que tamén asumiu a docencia de «Técnicas de interpretación de enlace en los servicios públicos inglés/español». Entre 2012 e 2014 traballou como técnica de apoio á investigación en SOS-VICS, proxecto piloto sobre interpretación en contextos de violencia de xénero. A súa tese doutoral (en curso) céntrase na didáctica da interpretación remota e especialmente na interpretación telefónica.

 

Sandra Jiménez Higuera é Licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidad Complutense de Madrid e Traductora-Intérprete Jurada polo Ministerio de Asuntos Exteriores. Actualmente ocupa o posto de directora de tradución e administración en Interpret Solutions, unha empresa nova dedicada principalmente á tradución e á interpretación telefónica tanto no eido público como no privado.

 

Presentación

A interpretación telefónica é un tipo de mediación lingüística amplamente empregada en países que contan cunha longa traxectoria como lugares de acollida de poboación estranxeira: Canadá, Estados Unidos, Australia, Reino Unido, entre outros. En España a súa utilización é cada vez máis habitual tanto no sector privado coma nos servizos públicos. Con todo, interpretar en remoto a través do teléfono presenta numerosos desafíos, coma o feito de carecer de información visual sobre a situación comunicativa.

Este e outros aspectos distintivos da interpretación telefónica demandan o desenvolvemento e a adquisición de destrezas específicas a través dunha formación especializada.

 

Obxectivos
Iniciar o alumnado en determinados coñecementos e destrezas necesarios para o desempeño da interpretación telefónica, que lle proporcione as ferramentas precisas para enfrontar unha encomenda profesional desta natureza.

 

Metodoloxía
Impartirase unha sesión teórica de unha hora, seguida de exercicios prácticos de simulación e de demostracións reais (anonimizadas) de interpretacións realizadas por profesionais.

 

Colectivo ao que vai dirixido
Persoas con formación previa en interpretación e/ou que exerzan a interpretación de maneira profesional.

Son necesarios polo menos dous idiomas de traballo: galego e/ou español e unha lingua estranxeira.

 

Duración: 10 horas

Data: venres 27 (horario de tarde)- sábado 28 (horario de mañán) de novembro

 

Prazas: 15 (requírese un mínimo de 8 alumnos para a celebración do curso)

 

Prezo:
Socios/as da AGPTI: 150 €
Socios/as da Red Vértice*:  170 €
Non socios/as: 190 €

 

Programa

1. Introdución teórica (1 hora):
1.1. Qué é a interpretación telefónica (IT): breve historia e a súa utilización actual no Estado Español.

1.2. A IT nos servizos públicos e no sector privado: ámbitos e contextos nos que se utiliza.

1.3. Características específicas da IT fronte á interpretación presencial

1.4. Destrezas do ou da intérprete telefónica
- Xestión do inicio: estratexias e mecanismos de contextualización
- Xestión das quendas de palabra en función do dispositivo técnico empregado
- Realización de interrupcións na IT
- A toma de notas na IT
- Dominio da prosodia na IT
- Xestión da finalización do encontro

1.5. As chamadas de urxencia

1.6. Deontoloxía

2. Exercicios prácticos

2.1. Escoita de gravacións reais de IT:análise e comentario

2.2. Realización de exercicios de simulación.

 

Inscrición: aquí

 

Prazo de preinscrición: finaliza o 15 de outubro

Descargar a información en: galego e castelán.