Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Decálogo sobre a interpretación remota

Gardado en Asociación Actualidade
Decálogo sobre a interpretación remota

Decálogo sobre a interpretación remota (AGPTI)



Desde hai varios anos, co desenvolvemento de tecnoloxías cada vez máis avanzadas, é posible ofrecer servizos de interpretación oral a distancia ou remota. A interpretación telefónica, empregada na modalidade de interpretación consecutiva, leva anos en funcionamento en determinados sectores que requiren a intervención dunha intérprete normalmente con pouca marxe de aviso e por períodos curtos de tempo. Hai tamén ocasións en que se pode empregar unha configuración similar, pero coa posibilidade de engadir imaxe de vídeo e facilitar, así, a percepción do escenario de traballo por parte da intérprete.

Nos últimos tempos, ademais, estanse a desenvolver distintas plataformas que permiten tamén traballar en interpretación simultánea a distancia. As indicacións que seguen pretenden explicar en que consiste esta última modalidade, que se debe ter en conta para a súa posta en funcionamento e que vantaxes e desvantaxes pode implicar. Constitúen un pequeno decálogo que busca principalmente ser útil para o colectivo de profesionais da interpretación en Galicia.
 

  1. A interpretación remota pode ser útil para reunións pequenas e de curta duración; pero pensa que o traballo en equipo é un dos grandes alicerces que sosteñen a nosa profesión, e que en grandes eventos multilingües, con varias combinacións lingüísticas, moitas intérpretes, de horas ou días de duración, con persoal técnico, participantes e organizadores desprazados, é complicado que poida substituír a modalidade presencial.
     

  2. A interpretación simultánea é de por si unha actividade complexa; pero, ademais, require dun soporte técnico asociado á recepción e envío de imaxe e son que, como intérprete, dificilmente has poder controlar ti soa. Traballar desde un estudio coas condicións técnicas e co persoal cualificado adecuados é, sen dúbida, de grande axuda. Pensa que traballar ti soa desde a túa casa vai esixir unha preparación previa considerable. Non podes solucionar cuestións técnicas mentres interpretas. Dálle unha volta a como te vas organizar para preparar todo de antemán. Proba sistemas, plataformas... Familiarízate con todo o equipamento, software, dispositivos ou calquera outro elemento necesario. Non deixes os detalles técnicos para o momento da acción.
     

  3. Para poder interpretar a distancia precisas máis que os teus coñecementos técnicos e lingüísticos e a túa voz. Prepara o teu lugar de traballo de maneira que che garanta un nivel axeitado de illamento acústico: os ruídos da veciñanza, o timbre da porta ou do teléfono, o can que ladra... non son compañeiros moi recomendables nesta modalidade de interpretación. Asegúrate de que a conexión á Internet é boa desde a túa localización e, a poder ser, de uso exclusivo para o teu acceso en remoto. Conéctate preferentemente por cable, no canto de por wifi, para teres unha conexión máis estable. Pensa que precisas recibir unha boa imaxe, un bo son, unha boa sincronización vídeo-voz e que, ademais, tes que ter algún medio de contacto coas demais intérpretes (fundamentalmente coa túa “concabina”) e co equipo técnico encargado do evento.
     

  4. Inviste nun bo equipamento: dúas pantallas para poder manexar a plataforma de traballo e a documentación da reunión; un equipo informático rápido e potente; algún elemento de protección fronte a unha caída da rede eléctrica, como un SAI; e, por riba de todo, os mellores cascos e micro do mundo. Busca uns cascos con dous auriculares, que reciban son con moitísima calidade, que te protexan fronte a cambios bruscos de volume e similares, cun micro o máis avanzado posible, que permita filtrar ben ruídos de fondo... Deixa os cascos do móbil para outros momentos de lecer!
     

  5. Pensa que a interpretación remota pode ser unha solución para axudar ao entendemento de comunidades multilingües que non se poden reunir de maneira presencial, ou que pode contribuír a facilitar a comunicación nun momento de emerxencia ou de crise sanitaria como a actual. A interpretación a distancia está para isto, non para ofrecer unha solución que simplemente busque abaratar custos.
     

  6. Cando penses en que tarifa ofrecer por estes servizos, ten en conta que a carga cognitiva de desenvolver unha actividade como a interpretación a distancia vai ser sempre maior que a xerada nunha interpretación presencial. Na distancia hai maior illamento, maior fatiga e estrés, máis elementos técnicos e tecnolóxicos dos que estares pendente. Cres que a túa tarifa debe ser menor ou maior? A igual traballo, igual remuneración, non é? A máis traballo...
     

  7. Non esquezas cuestións como a confidencialidade e a responsabilidade que pode derivar de calquera fallo técnico ao traballares conectada a unha rede.
     

  8. Mantén os teus principios e pon enriba da mesa as túas necesidades para ofreceres un traballo digno en boas condicións: esixe documentación relacionada co evento con antelación, xestiona cuestións como os dereitos sobre calquera gravación que se poida facer da túa intervención. Dá e esixe o mesmo que farías nunha interpretación presencial.
     

  9. Aprende, investiga, practica, fórmate. Busca información sobre as distintas plataformas de interpretación simultánea a distancia dispoñibles a día de hoxe. Aprende a manexarte con elas para saber cando e a que cliente llas podes recomendar. Hai moitas! Fíxate nesta lista:
    Auxala
    Catalava
    Interactio
    Interprefy
    Kudo
    Olyusei
    Speakus
    Voiceboxer
    ZipDX
    Zoom
     

  10. E, por último, non esquezas: Fala coas túas compañeiras intérpretes sobre todo o que precisades para ofrecer unha boa interpretación a distancia. Comparte experiencias, discute as vantaxes e desvantaxes de cada sistema, aprende e ensina para que todas poidamos gañar con isto. Somos unha comunidade pequena e, ou traballamos todas xuntas para que os novos sistemas nos axuden a medrar como colectivo, ou nos comerán os máis grandes.
     

Se che apetece botarlles un ollo a algunhas páxinas nas que se ofrecen recursos e informacións útiles sobre a interpretación a distancia, velaquí algunhas suxestións:

AIIC guidelines for distance interpreting

Guía AICE sobre interpretación remota

Resumen indicacións ISR AICE

InterpretAmerica 2020

The Basics: Remote Interpreting in the Covid-19 World

Remote Interpreting: The elephant in the room

Seven Sisters

Remote interpreting.info