Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

NUMAX gañadora do III Premio Xela Arias

Gardado en DIT Premio Xela Arias Asociación
NUMAX gañadora do III Premio Xela Arias

Co gallo do Día Internacional da Tradución, o xurado do III Premio Xela Arias, conformado pola Xunta Directiva da AGPTI e por Ana Luna Alonso, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (entidade gañadora da edición de 2019), decidiu que a gañadora deste 2020 sexa NUMAX.

---------------------------------

NUMAX é un proxecto cooperativo que aposta polo galego, procurando usalo coma lingua de divulgación do audiovisual. Tanto na programación habitual do seu cinema coma no seu programa didáctico "NUMAX na escola", dirixido a centros de ensino, inclúense filmes en versión orixinal con subtítulos en galego que a propia empresa encomenda a profesionais da tradución. Dada a falta de apoio por parte das institucións públicas á tradución cara ao galego de produtos cinematográficos noutros idiomas (tan necesarios para a normalización da nosa lingua) e a imposibilidade do público para asistir a filmes dobrados ou subtitulados en galego nas salas de cinema, supón unha iniciativa e un esforzo verdadeiramente meritorios. Ademais, NUMAX respecta as profesionais dando visibilidade ás tradutoras e tradutores e facendo que o seu nome figure sempre nos créditos dos filmes.

Con este premio, a AGPTI tamén quere facer énfase no apoio a proxectos culturais que están a verse tan prexudicados na presente situación de crise e, sobre todo, no apoio ao audiovisual na nosa lingua.

Igual ca nos anos anteriores, o premio será entregado nun acto simbólico que anunciaremos en breve.