Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

PETRA: Plataforma Europea para a Tradución Literaria

Gardado en Asociación

En novembro de 2011, a AGPTI foi convidada a participar no congreso de PETRA que tivo lugar do 1 ao 3 de decembro en Bruxelas.

PETRA é unha plataforma de recente creación que reúne e está aberta a todo tipo de organizacións relacionadas coa tradución literaria. PETRA, acrónimo de Plataforme Européenne pour la Traduction Littéraire, naceu como iniciativa de Passa Porta (Bruxelas), o Instituto Polaco do Libro (Cracovia), o Literarisches Colloquium Berlin, a Asociación de Tradutores de Eslovaquia (Bratislava) e Transeuropéennes (París).

O congreso reuniu participantes de diferentes perfís: organismos oficiais de cultura de diferentes países, fundacións culturais, asociacións de profesionais da tradución, asociacións de escritoras e escritores, docentes universitarios, representantes de editoriais e tradutores e tradutoras literarios (non ligados a ningunha asociación). O obxectivo principal foi recompilar datos sobre o estatus da tradutora literaria nos diferentes estados europeos, así como sobre experiencias de boas prácticas.

Actualmente estase a traballar no documento que recolle as recomendacións elaboradas polos distintos grupos de traballo en que se artellou o congreso. Está previsto que se publique e comece a distribuír en outubro de 2012.

Na web da plataforma pódese consultar o documento que serviu de base para o traballo dos grupos: Towards a cartography of literary translation in Europe