Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Primeiras sesións do curso de introdución á interpretación cara ao galego

Gardado en Cursos Actividades Asociación
Primeiras sesións do curso de introdución á interpretación cara ao galego

No pasado venres 19 e no sábado 20, tiveron lugar as dúas primeiras sesións do curso de introdución á interpretación cara ao galego impartido por María Reimóndez.


Na primeira sesión, fíxose un repaso dinámico á historia da interpretación, establecendo unha liña temporal cos principais feitos desde os inicios da interpretación até o presente. Despois de comentar os tipos de interpretación que existen e as diferentes técnicas e modalidades, realizouse un exercicio en grupos pequenos: cada grupo recibiu un dato sobre unha interpretación e, tras documentarse, compartiu co resto das participantes a información que atopou e expuxo como cría que se debería preparar esa interpretación.
 

Na sesión do sábado, dedicada á interpretación consecutiva, María explicou as situacións nas que se adoita empregar este tipo de interpretación, así como a necesidade de coñecer ben as culturas coas que se traballa e os protocolos pertinentes. Tamén houbo tres exercicios prácticos: no primeiro, analizouse a estrutura dun discurso breve; no segundo, examinouse o contido e, despois, María explicou os principios da toma de notas; finalmente, no terceiro exercicio, fixéronse unhas pequenas interpretacións consecutivas para poñer en práctica o aprendido.

A terceira e cuarta sesión terán lugar os vindeiros xoves 25 e sábado 27 de febreiro.