Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Publícase a guía «Interpretación: a escolla acertada»

Gardado en Actualidade Asociación
Publícase a guía «Interpretación: a escolla acertada»

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) comprácese en presentar e divulgar unha guía práctica de axuda para as empresas que precisen contratar servizos de interpretación e non estean afeitas a este tipo de prestacións. Nesta guía explícanse dun xeito ameno e sucinto as distintas modalidades de interpretación e como atopar profesionais deste sector.


A versión orixinal desta guía (titulada «Interpreting, Getting it Right»), redactada en inglés pola tradutora estadounidense Chris Durban, leva circulando uns anos pola rede. Tendo en conta o éxito deste breve compendio explicativo sobre o sector da interpretación e o traballo que exercen as/os intérpretes, cumpría contar cunha versión noutras linguas e adaptada ó mercado nacional. O proxecto xurdiu por vontade de catro asociacións pertencentes á Rede Vértice, que se implicaron en traballar conxuntamente nos últimos meses para pór a disposición dos seus membros e de clientas/es potenciais un recurso práctico e moi ilustrativo: en galego por parte da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), en catalán por parte da Associació Professional de Traductors i Intèrprets de Catalunya (APTIC), en éuscaro por parte de Euskal Itzultzaile, Zuzentzaile eta Interpreteen Elkartea (EIZIE) e en castelán por parte da Asociación Española de Traductores, Correctores e Intérpretes (Asetrad).


Esta guía presentouse ó público oficialmente ó mesmo tempo nas catro linguas oficiais do territorio español co gallo das xornadas de comunicación, tradución e interpretación, organizadas pola APTIC en Barcelona, coa presenza da autora e de representantes das asociacións implicadas. As catro versións da guía sobre a contratación de servizos de interpretación están dispoñibles para a súa consulta gratuíta nas diferentes páxinas web das devanditas asociacións profesionais. A versión en galego en www.agpti.org > Documentos > Interpretación: a escolla acertada.