Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Resumo da Culturgal 2019

Gardado en Culturgal Asociación
Resumo da Culturgal 2019

No 2019 a AGPTI volveu estar presente na Culturgal (Feira de Industrias Culturais) cun posto propio e cunha programación variada coa que pretendeu amosar e reivindicar a figura de profesional da tradución e da interpretación no ámbito cultural. Isto non podería ter acontecido sen toda a xente que aceptou o convite para participar na mesa de tradución literaria e na de audiovisual, así como nos faladoiros sobre interpretación nas industrias culturais e sobre Terre de Galice, a tradución ao francés da Historia de Galicia.

 

Este ano, a organización lanzara a proposta de lle dar unha volta á feira e na asociación tomamos nota para redeseñar o espazo e crear novas dinámicas.

 

Na feira tamén fixemos entrega do II Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Para a AGPTI foi toda unha homenaxe a esa gran “fábrica” de profesionais da tradución e da interpretación en lingua galega. Ademais, este ano tivemos a honra de que recollese o galardón Ana Luna Alonso, profesora da facultade ben coñecida polas nosas socias e socios e unha gran colaboradora da AGPTI.

 

Alén de ser un escaparate da cultura galega, a Culturgal foi para nós un espazo no que puidemos intercambiar pareceres sobre a profesión, experiencias, proxectos… E contribuíu, sen dúbida, a nos unir un chisco máis.