Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Segunda merenda conversa: software para profesionais da tradución

Gardado en Merenda-conversa Asociación Actividades
Segunda merenda conversa: software para profesionais da tradución

Na tarde do pasado venres 23 de abril, a AGPTI realizou a segunda merenda-conversa do ano no centro sociocultural José Saramago, no barrio compostelano de Vite. O programa estaba dividido en dúas sesións: unha sobre ABBYY FineReader e outra sobre Xbench.


Na primeira sesión, Rocío Ignacio falou sobre o ABBYY FineReader 14, centrándose no seu uso para a tradución xurada. O programa permite extraer textos de documentos en PDF e ten funcionalidades OCR (recoñecemento óptico de caracteres). Segundo a nosa socia, o programa facilita tamén a realización de orzamentos, pois extraer o texto permite contar as palabras con bastante precisión. A extracción tamén nos axuda a usar programas de edición de texto e ferramentas de tradución asistida.


Na segunda sesión, Cristian Marcote explicou os segredos do Xbench con algúns exemplos de aplicación á súa páxina web profesional. O programa combina funcións de control de calidade (QA) e recursos para a xestión terminolóxica, a partir de glosarios e listas introducidas pola/o usuaria/o. Durante esta segunda sesión, foron de especial interese as intervencións da socia Paloma Barrera, outra usuaria avanzada deste programa, e o seu diálogo con Cristian. Paloma recomendou dedicarlle tempo ao programa para aprender a usalo ("Invistes dez horas e gañas cen"). Tamén sinalou que a versión de proba ofrece trinta días de uso real, mais é aconsellábel pechalo ben para que non continúe a executarse en segundo plano.

 

Por último, mais non menos importante, entre as dúas sesións e ao finalizar a segunda, houbo tempo para conversar, coñecerse máis e gozar da merenda que cadaquén trouxo e compartiu co resto.

 

(Foto: Óscar Curros)