Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Unha merenda-conversa sobre interpretación nas industrias culturais

Gardado en Merenda-conversa Asociación
Unha merenda-conversa sobre interpretación nas industrias culturais

O pasado venres día 25 de setembro, as socias e socios da AGPTI reuníronse virtualmente para unha nova merenda-conversa dedicada, desta vez, á interpretación no sector das industrias culturais.


A merenda-conversa, organizada pola vogalía de formación, contou coa participación de Susana Piñón e Béatrice Pépin e estivo moderada por Lara Santos. As tres son intérpretes profesionais en activo.


A conversa dividiuse en catro bloques. No primeiro fíxose unha introdución en que as participantes, con combinacións lingüísticas de traballo diferentes, contaron a súa experiencia no ámbito das industrias culturais. O segundo bloque estivo dedicado ao debate do voluntariado fronte ao profesionalismo. O terceiro, ao impacto e posibilidades da interpretación en remoto. O cuarto, á colaboración e comunicación cos demais actores da industria e cos clientes.


Ao final de cada bloque estableceuse un rico debate coas socias no cal xurdiron novas perspectivas, ideas e experiencias.

 
Algúns dos temas traídos a colación foron o do tratamento de linguas minoritarias no sector da interpretación, a xestión das emocións, a complicidade das creadoras e creadores de Galiza ou do estranxeiro que reclaman interpretación en galego, a aplicación de novas tecnoloxías no sector, os desafíos da presente situación ou a posibilidade de, dende a propia AGPTI, traballarmos para a creación de sinerxías entre as/os profesionais da interpretación e os diferentes axentes das industrias culturais.