Acceso á zona privada

AGPTI

Volver á lista de novas

Reunión anual da rede Vértice en Barcelona, 9 de xuño de 2012

Gardado en Asociación

O pasado 9 de xuño tivo lugar en Barcelona a reunión anual dos membros da rede Vértice. A encargada da organización este ano foi APTIC, e foi unha grande organizadora. En representación da AGPTI acudimos Ruth e Patricia en calidade de secretaria e presidenta, respectivamente.


A APTIC tivo a boa idea de aproveitar a presenza dos representantes de distintas asociacións dos sectores de T/I e corrección para facer un acto público de presentación da rede e de cada unha das asociacións o día 8 pola tarde no Centre Cívic Golferichs. Incluíronse na presentación as dúas incorporacións máis recentes á rede: ATRAE (Asociación de Traducción y Adaptación Audiovisual de España) e ACEC (Associació Col·legial d'Escriptors de Catalunya). A afluencia de público foi considerable, formado sobre todo por outros profesionais do sector e estudantes de grao e posgraos de T/I. Cómpre destacar que ao final do acto se fixo unha pequena presentación da Asociación de Estudiantes de Traducción e Interpretación (http://aetioficial.wordpress.com) aproveitando a presenza no acto dalgúns dos seus representantes. O acto pechouse cunha celebración: un brinde colectivo para festexar a fin das operacións cuestionábeis de Maremagnum.

 

Durante toda a mañá do día 9 tivo lugar o encontro dos representantes. A orde do día era moi cumprida, e o encontro resultou intenso e proveitoso. Tamén se aproveitou a tarde para traballar e pechar algún proxecto común aberto, como a elaboración das directrices para as asociacións anfitrioas da reunión anual. A este respecto, cómpre indicar que ASATI, a Asociación Aragonesa de Traductores e Intérpretes, se ofreceu para organizar a reunión do 2013 en Zaragoza e que terá lugar nas mesmas datas (inicios-mediados de xuño).

 

Un dos temas recorrentes nestas reunións é o das boas prácticas en xestión da asociación e implicación dos socios. A este respecto, puidemos tomar notas dalgúns proxectos e metodoloxías interesantes, como o modo de organización de webinarios, o traballo con comisións específicas para atender a presenza das asociacións nas redes sociais, a presenza de observadores nas xuntas directivas etcétera. Esperamos contar convosco para que todo isto do que tomamos nota vaia dando froito ao longo dos vindeiros meses.